Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx

A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes, da que é autor José Mº Durán Medraño, foi gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro.

O ensaio Da natureza de escritores, artistas e vermes xira arredor do traballo. Baixo a categoría de traballo enténdese o proceso polo cal os seres humanos dan sentido ás súas relacións coa natureza e a sociedade; de aí que o traballo sexa creador de relación social. Durán Medraño, nun atento diálogo con Karl Marx, distingue entre as categorías de traballo produtivo, que é o traballo tal e como aparece suxeito ás relacións capitalistas de produción, e o poder produtivo do traballo, como aquela actividade que consiste na transformación material da realidade. Fronte ao traballo produtivo, o poder produtivo do traballo é analizado en canto capacidade humana de negar a relación fixada polo capital. A transformación social que o poder produtivo do traballo comporta, segundo expón Durán Medraño, significa revolucionar a relación social entre os suxeitos e dos suxeitos coas cousas; é dicir, significa unha construción anovada do cotián. Esta transformación é abordada no ensaio desde tres ángulos diferentes. Dunha parte, analízase a relación cos produtos do traballo como unha relación emocional-sensíbel, tal e como ésta foi teorizada no produtivismo soviético. Doutra vparte, mantense que a relación social, ou a praxe dos suxeitos, se ten que converter nun acontecer que é continuamente «degustado», e nese sentido faise unha análise do sensualismo materialista do filósofo da Ilustración francesa Denis Diderot. Por último, o ensaio aborda o comunismo radical do artista inglés William Morris, quen sostiña que o traballo debe estar sustentado no libre desenvolvemento das capacidades e inclinacións do ser social, o que incide no desenvolvemento pleno da vida social colectiva desde a perspectiva do traballo como pracer.

Editorial Galaxia

Leave A Comment